A catedral de Santiago, sen segredos

Hai moitas razóns para aceptar invitacións de prensa. A máis importante é, claro está, a do interese informativo. Pero mentiríavos se non vos dixera que ás veces o que máis pesa son cuestións un tanto máis pedestres. Ás veces o que che leva a dicir que si é a curiosidade ou, vaia, a rexouba, o interese máis persoal. Iso foi o que me levou a dicir que si a unha invitación de prensa para ver a catedral de Santiago usando telescopios e prismáticos de última xeración. Foi un mix entre ese interese por ver a catedral —esa que vin tantas e tantas veces, pero vendo o que nunca lle prestara atención— e por entrar no Hostal dos Reis Católicos ata os balcóns da fachada.

E iso foi o que fixen. Detrás do evento estaba Swarovski Optik, fabricantes de «óptica de alta calidade» (si, ti tamén pensas nos cristais de Swarovski pero hai máis cousas) e os seus distribuidores en España. A idea é a de facer o que chaman Urban Watching: basicamente, usar eses cristais que permiten ver con alta calidade para observar os espazos urbanos  e ver o que habitualmente non procesamos. Igual que usas un prismáticos no campo para ver o mundo natural, pódese facer na cidade para decatarse do que está aí, pero queda un tanto invisible.

Xa fixeron eventos en Madrid, Barcelona ou Sevilla e agora están a facelos en Santiago. O primeiro foi exclusivo para medios de comunicación, pero o seguinte será para o público en xeral. Será o 11 de xullo e gratis, aínda que, iso si, hai que facer reserva por mail (a urbanwatching@esteller.com, só dous nomes por correo). O evento ten un número limitado de prazas, pero se superan coas peticións —e todo apunta que si: nas outras cidades tiveron entre 1200 e 800 peticións, cando só hai 20 prazas— farán un sorteo entre todos os correos recibidos.

Agora ben, preguntarédesvos que vin (máis alá do momento no que me perdín polo terceiro piso do Hostal). A proposta é un pouco a de profundar nos segredos da fachada da catedral e, ao final, iso é o que fas. Pasei o que sinto que foron millóns de veces por diante e, con todo, nin sequera sabía realmente o que alí había ata que empecei a velo de preto. É comprensible, porque a fachada está chea de detalles que en realidade non podes ver a pé de praza. Os prismáticos axudan, por suposto, pero tamén é importante ter alguén que che vai dicindo que é o que ves (e había un experto que o facía).

E non menos interesante foi a experiencia de estar vendo a catedral, escoitando a un experto falar da súa construción ou de como era e xa non é (sabiades que ata principios do século XX na fachada había revestimentos de pan de ouro?), sen ser turista. Isto é, fixarse nos segredos da cidade —para que deixen en certo modo de selo— é unha actividade quintaesencialmente turista. A praza do Obradoiro estaba xa a chea deles (a observación para medios foi xusto a semana pasada) e, mentres estabamos no balcón, saíron algunhas excursións das que percorren a pé a cidade. Paran quen somos da cidade todo é como o fondo de sempre, o vello coñecido (aínda que non o coñezamos en realidade tanto).

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *