Contra as introducións cheas de espóilers

Fotograma da adaptación d’A abadía de Northanger de 2007

Non lembro o libro, pero si o espóiler. Na metade dunha introdución que estaba a ser moi interesante, que me estaba a ofrecer contexto histórico e algunhas pinceladas sobre a vida do autor que me axudarían a entender mellor a obra, apareceu. O bebé inesperado. The unexpected baby. Pechei o libro enfurecida. Inesperado para quen? Para min como lectora xa non, claro.

Non foi a primeira vez que me pasou nin sería a última, pero ese adxectivo, inesperado, elevou a insulto a afronta do espóiler. É o exemplo que sempre poño cando falo disto —con certa frecuencia— porque é o único que lembro con claridade. Sei, grazas a esa teima de sacar o tema sempre que podo, que non son a única a quen lle pasa. «Por iso deixei de ler as introducións», téñenme dito en máis dunha ocasión. Eu non aprendo —non quero aprender— e sempre as empezo a ler chea de esperanza e gana de aprender. Leo ata o primeiro espóiler. Aí, pecho os ollos, respiro fondo, e paso as páxinas ata o comezo da novela. A intención é sempre volver e rematar de ler a introdución cando chegue ao final, pero nunca o fago.

Entre as explicacións que teño atopado para este fenómeno están que, ao seren obras clásicas, os espóilers non contan (caducan!); que son edicións críticas que dan por sentado que non é a nosa primeira lectura; que o dos espóilers é unha preocupación contemporánea coa que non deberiamos manchar a alta literatura. Ningunha das razóns é convincente. Que algo sexa un clásico non significa que debamos coñecer todos os detalles da trama antes da lectura (nacemos xa con Romeo e Xulieta gravado no disco duro do noso cerebro?). É moi posible que si que os coñezamos, claro, pero hai algo cruel e condescendente en roubar a sorpresa desa primeira lectura. Falando deste tema hai uns días, Raquel lembraba que unha profesora de Literatura no instituto lles fixera o espóiler d’O nome da rosa (si, ese). Non había razón aparente, foi un espóiler gratuíto, quizais porque a profesora quería comentar o tema con alguén e o alumnado pareceu un bo público (a outra opción sería facer perigar unha amizade). Por outra banda, o libro do bebé inesperado era dun autor inglés de finais do XIX, principios do XX; un autor clásico da literatura inglesa, si, pero era unha das súas obras menores. Xa vos digo que non é un bebé coñecido.

O das edicións que dan por feito que non é a primeira lectura podería entendelo quizais nesas académicas que son sempre carísimas, pero no resto é non comprender ben quen vai mercar o libro. En moitas ocasións serán estudantes que si, estarán a estudar a obra en cuestión, pero significa iso que non a poidan ler por primeira vez sabendo só o contexto e os temas nos que se deben fixar? Hai introducións que case parecen un substituto da novela. Chegas ao final dese texto introdutorio sabendo todo o que vai pasar nas seguintes páxinas. 

Unha obra de ficción é moito máis que os xiros da trama, claro. Reler un libro ou volver ver unha película sería algo moito menos común. En Honeycomb, o terceiro volume da serie Pilgrimage de Dorothy M. Richardson, a protagonista reflexiona sobre o tema pensando na xente que cre que hai algo malo en ler a última páxina do libro, en coñecer o final antes de chegar a el. «Pero se [coñecer o final] arruinaba o libro, ese libro tiña un problema. Se o interese desaparecía cando sabías quen casaba con quen, que sentido tiña ler?», pensa. Estou dacordo, si, pero sigo sen querer saber de bebés inesperados (inesperados!) antes de tempo.

Honeycomb é de 1917 e está ambientado en 1895. Aínda non falaban de espóilers coma tal, pero si estaba xa o debate sobre se saber como acaba unha obra de ficción importa ou non. Podemos retroceder máis. N’A abadía de Northanger, de Jane Austen, publicado en 1803, a protagonista, Catherine Morland, forma unha especie de miniclube de lectura coa súa amiga Isabella. Está a ler Os misterios de Udolpho, de Ann Radcliffe, por recomendación de Isabella. Nun momento, conta que acaba de chegar á parte do «veo negro». «Non che contaría que hai detrás do veo negro por nada do mundo! Non estás desexando sabelo?», pregúntalle Isabella. «Si, que pode ser? Pero non mo digas!», responde Catherine. En linguaxe actual: non me fagas espóiler!

Outra cuestión é a de que consideramos que é e que non é un espóiler. O bebé inesperado, debo admitir, non tiña demasiada importancia (foi o adxectivo o que me enfadou), pero sei tamén que hai quen non quere saber absolutamente nada do argumento de algo antes de iniciar a súa lectura. Eu nunca me considerei alguén con tendencia a destripar tramas, pero é algo do que me teñen acusado, para a miña sorpresa. «Pero non é un espóiler!», contesto sempre, referíndome a que non é para nada importante, que non é un destripe dun xiro argumental que roubará un pequeno e pracentero abraio. (Parece ser que agora xa non o fago, pero porque pasei a non contar nada).

Volvendo ás introducións dos clásicos, hai algo tamén de tradición. A psicose xeralizada cos espóilers si é algo recente, impulsada por internet e o consumo masivo. Seguro que antes había tamén quen collía unha edición dunha obra clásica e se enfadaba cando lle dicían que había detrás do veo negro (queredes sabelo? neste pódcast falan do libro!), pero non tiña Twitter nin fíos en Reddit para se queixar. As autoras e os autores de introducións escribían (e escriben) cunha persoa en mente que xa sabe ou a quen non lle importa que lle adianten cousas tan banais como que dous personaxes están comprometidos en secreto, algo que non se desvela ata o final.

Tamén é posible aprender. David M. Shapard, que fixo unhas marabillosas edicións anotadísimas de todas as novelas de Jane Austen, conta nunha entrevista que, tras a publicación da primeira, Orgullo e prexuízo, recibiu queixas por este tema. Non era algo no que tivese pensado, xa que cría que a xente utilizaría a súa edición só como referencia e non para ler a novela. E desde logo non para primeiras lecturas. No canto de ofenderse por eses lectores primeirizos, no resto das edicións esforzouse moito por non destripar nada fundamental e, cando era inevitable, engadiu alertas de espóiler.

A miña proposta de solución é sinxela: se é totalmente imposible escribir unha introdución sen mencionar as cousas inesperadas que pasarán na obra, por que non facela en dúas partes? Unha máis xeral de contexto histórico e sobre a autora e outra xa entrando en todo o que pasa cun pequeno aviso de cortesía, básico xa a estas alturas do século XXI. Un «a partir de aquí, analizaremos detalles da trama; se prefires non sabelos, salta esta parte e volve cando remates o libro». E todas contentas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *